fbpx

Horta urbana en Nigrán!

Como sabedes, a sede principal da cooperativa está en Nigrán, onde levamos a cabo a maior parte das nosas actividades. Este último ano, o programa educativo Agroecoloxía na Escola está sendo o noso programa estrela. A raíz do interés por parte das familias, colaboramos co concello de Nigrán para facer realidade un soño compartido: a primeira horta urbana de Nigrán.

Esta horta está ubicada no teito verde do aparcamento da Ramallosa. Comezaremos coas actividades o vindeiro sábado 23 de abril onde xa están dispostos 13 bancais inspirados na xeometría das colmeas de abeellas. Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do formulario online ou presencialmente no aparcamento municipal da Ramallosa. O prazo para participar estará sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumprir as pautas de funcionamento.


A principal característica desta horta é que será un espazo adicado á formación e a colaboración entre as persoas usuarias, é dicir, as persoas participantes realizaremos os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a posteriori a colleita de maneira equitativa entre os participantes. Para iso, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, estableceremos un calendario de tarefas que todas as persoas deberán seguir e, en caso de acudir a facelo, deberán sinalalo nun taboleiro situado no propia horto co fin de estar todos coordinados. Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións idóneas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte das persoas inscritas.

De feito, todos os sábados de 12:00 a 13:30 horas impartiremos obradoiros gratuítos, comezando o día 23 de abril cunha sesión dedicada ás plantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortos verticais, plantas medicinais, control biolóxico de pragas, recollida de auga… A maiores, os mércores (de 17:00 a 18:30 horas) estarán as técnicas presentes na horta para resolver presencialmente dúbidas, asesorar e colaborar.

Queremos que este sexa un espazo de convivencia e de encontro entre a veciñanza, por iso promoveremos tamén o intercambio de sementes e a creación dun banco que recompile as variedades locais”. Deste xeito, esta zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transfórmase nun punto de encontro no que aprender, compartir, cultivar e desfrutar.

Deixa unha resposta

Traducir »
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad