O ecofeminismo é unha filosofía e unha práctica feminista que nace da proximidade das mulleres e natureza. Tamén da convicción de que o noso sistema “constituíuse, construíuse e mantense por medio da subordinación das mulleres, da colonización dos pobos ‘estranxeiros’ e da natureza“.
Esta perspectiva encárgase de cuestionar aspectos básicos polos que se rexe a nosa sociedade. Así, o ecofeminismo considera que o capitalismo e o patriarcado oprimen tanto ás mulleres como á natureza.
As orixes
A vinculación teórica entre ecoloxismo e feminismo sitúase nos anos 70. É na publicación do libro Feminismo ou a morte de Françoise D’ Eaubourne onde aparece o termo por primeira vez.
Durante a mesma década teñen lugar algunhas manifestacións de mulleres en defensa da vida. Un dos máis emblemáticos foi o movemento Chipko. Nel, un grupo de mulleres abrazáronse ás árbores dos bosques de Garhwal nos Himalayas indios. Así conseguiron defendelos das prácticas forestais dunha empresa privada.
Así, as primeiras ecofeministas denunciaron os efectos da tecnociencia na saúde das mulleres. Tamén se enfrontaron ao militarismo, a nuclearización e a dexeneración ambiental. Interpretaban estes feitos como manifestacións dunha cultura sexista. Unha das figuras que representan este movemento é Petra Kelly.
Tamén se dan outros ecofeminismos que consideran a división sexual do traballo e a distribución do poder e a propiedade, que someteu ás mulleres e ao medio natural do que todas formamos parte.
Ecofeminismo ou ecofeminismos
Podemos dicir entón que o ecofeminismo constitúese coma unha corrente de pensamento e un movemento social que explora os encontros e sinerxias entre o ecoloxismo e o feminismo. Segundo Yayo Herrero, esta disciplina céntrase en abordar a problemática das relacións entre as persoas e a natureza desde visións moi diferentes. É por iso que podería falarse de ecofeminismos, en plural.
Aínda sendo varios, todos os ecofeminismos desenvolven unha crítica ao modelo social e económico actual. Todos propoñen unha realidade distinta. A idea dos ecofeminismos é visibilizar os elementos, prácticas e suxeitos que foron designados polo pensamento hexemónico como “inferiores”.
Así, o ecofeminismo deixa claro que é necesario un cambio cultural pronto. Desde esta perspectiva, temos a responsabilidade de cambiar o rumbo do mundo cara a un mundo social e ecoloxicamente sostible.
Dende SomosTerra traballamos con esta perspectiva ecofeminisma, entendendo que as persoas e a natureza somos unha mesma. Cando defendemos a vida das mulleres DEFENDEMOS TAMÉN VIDA EN TODAS AS SÚAS FORMAS!