HORTAS COLABORATIVAS DE NIGRÁN
Como sabedes, a sede principal da cooperativa está en Nigrán, onde levamos a cabo a maior parte das nosas actividades. Estes últimos anos, o programa educativo Agroecoloxía na Escola está sendo o noso programa estrela. A raíz do interese por parte das familias, colaboramos co concello de Nigrán para facer realidade un soño compartido: a primeira horta urbana de Nigrán.
Esta primeira horta está ubicada no teito verde do aparcadoiro da Ramallosa (Parque Carlos Casares Mouriño), a horta ten 13 bancais inspirados na xeometría das colmeas de abellas. As primeiras actividades realizáronse o sábado 23 de abril do 2022 e continuamos todos os luns cultivando, plantando e coidando da nosa primeira leira.
Máis esta horta xa se nos facía pequena e o concello decidiu continuar co proxecto e o mércores 28 se setembro iniciamos a construción coas persoas inscritas da segunda Horta Colaborativa de Nigrán, situada no Parque mestre Vázquez Grela en Nigrán.
Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do formulario online. O prazo para participar estará sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumprir as pautas de funcionamento.
A principal característica destas hortas é que son un espazo adicado á formación e a colaboración entre as persoas usuarias, é dicir, as persoas participantes realizamos os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndo a posteriori a colleita de maneira equitativa entre os participantes. Para iso, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, establecemos un calendario de tarefas que todas as persoas deberán seguir e, en caso de acudir a facelo, deberán sinalalo nun taboleiro situado no propia horto co fin de estar todos coordinados. Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións idóneas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte das persoas inscritas.
Todos os luns de 17:00 a 18:00 horas impartiremos obradoiros gratuítos na Horta colaborativa da Ramallosa, comezando o día 23 de abril cunha sesión dedicada ás plantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortos verticais, plantas medicinais, control biolóxico de pragas, recollida de auga… A maiores estaremos presencialmente e a través do teléfono ou correo electrónico para resolver presencialmente dúbidas, asesorar e colaborar e, os mércores de 17:00-18:30 estaremos na horta de Nigrán. Os primeiros meses na horta colaborativa de Nigrán serán para a construción e a recuperación e estabilización do solo para poder plantar de cara ao ano que vén. O noso reto con esta segunda horta e recuperar un solo moi danado e pobre en materia organica para convertelo nunha horta productiva ecoloxica e sana. A horta xa está construida e agora comezamos o proxecto de enriquecer o solo.
Estas hortas son un espazo de convivencia e de encontro entre a veciñanza, por iso promoveremos tamén o intercambio de sementes e a creación dun banco que recompile as variedades locais”. Deste xeito, esta zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transfórmase nun punto de encontro no que aprender, compartir, cultivar e desfrutar.