Esta é a proposta seleccionada para o mes de Xaneiro, realizada por Laura Magalhães e Nadia Rodríguez. Ficamos moi emocionadas ao atopar outra proposta que sentimos encaixa co mesmo sentimento que transmite esta imaxe. É o poema “Coller o futuro nas mans” de Teresa Ríos, que compartimos a continuación.
Coller o futuro nas mans
Guindar
unha presada de gran
agardar
coa complicidade da lúa
que xermole vida
ulir o perfume da terra
ollar a claridade da auga
ouvir os trilos dos paxaros
ser folla que leva o vento
ignorar a escravitude do reloxo
tentar nomear as estrelas
habemos
ser sensibles coa Natureza
afastala
das gadoupas dos predadores
para que no roibén
as nosas crianzas
saiban que hai beleza
imposible de mercar.
Teresa Ríos