Estamos organizando un grupo de persoas voluntarias para colaborar en diferentes actividades relacionadas co medio ambiente e a sostibilidade na comarca do Val Miñor. O obxectivo é crear comunidade a través da participación e creación colectiva de actividades para promover a soberanía alimentaria, o desenvolvemento sostible, o consumo responsable e a economía circular.
En todo momento utilizaremos metodoloxías participativas para cocrear as tarefas e obxectivos do grupo.
Se a situación actual do Planeta (tanto social como ambiental) é unha das túas preocupacións e queres facer algo para traballar por un mundo mellor, máis respectuoso coas persoas e o medio, inscríbete neste formulario.
Quedaremos os
martes ás 17:00 en Priegue,
na finca do noso proxecto No Eido.
Buscamos persoas que queiran colaborar en diferentes actividades:
- Mantemento e construción do bosque comestible.
- Divulgación de información de interese.
- Mantemento, e cultivo dunha horta ecolóxica, onde a colleita será repartida entre as persoas voluntarias.
- Posta en marcha actividades para promover hábitos sostibles.
- Promoción do consumo responsable e da economía circular.
- Creación de novas actividades en favor da sostibilidade.
- Participación en proxectos europeos: mobilidades, intercambios, seminarios etc.
- Acompañamento das persoas voluntarias europeas que colaboran con SomosTerra (exclusivo mocidade de 18 a 30 anos): na cooperativa contamos con dúas persoas voluntarias europeas que colaboran con nós durante 8 meses. Estes moz@s veñen colaborar dende outros países e culturas, por tanto, precisan dun apoio para poder adaptarse e pasar o seu tempo de lecer.
Faite voluntari@, non importa a idade que teñas e, se tes menos de 30 podes participar en programas de mobilidade europeos totalmente subvencionados.
Fagamos un Val Miñor máis colaborativo e participativo!