fbpx

En SomosTerra traballamos na Educación para a Sostibilidade (EPS)

Hoxe queremos explicarvos en que consiste a Educación para a Sostibilidade porque consideramos que define a nosa forma de traballar. Como sabedes, no último ano levamos a cabo diferentes iniciativas que nos teñen moi emocionadas. Por unha parte, coordinamos o programa educativo “Agroecoloxía na Escola” nos colexios públicos de Nigrán. Tamén puxemos en marcha a primeira Horta Urbana de Nigrán, da man do concello e das máis de 60 persoas inscritas. Fixemos charlas e diferentes obradoiros para todas as idades, tanto na horta urbana, coma en distintos puntos da xeografía galega. En todos eles, o obxectivo principal é a transmisión de coñecemento sobre sostibilidade. Durante o verán coidamos das hortas escolares e fixemos o campamento en Panxón, en colaboración con Teatro do Ar. Neste campamento continuamos traballando da forma que máis desfrutamos: a través da educación para a sostibilidade. Pero entón, en que consiste este tipo de educación?

A Educación para a Sostibilidade diríxese a todas as persoas, independentemente da súa idade. Desenvólvese desde a perspectiva da aprendizaxe ao longo de toda a vida, e utiliza todas as modalidades de aprendizaxe: formal, non formal e informal. A educación para a sostibilidade reflicte a preocupación por unha educación de elevada calidade que axude ás persoas para entender o que pasa (saber), a sentirse parte da sociedade na que viven (saber ser) e a coñecer como poden participar nos procesos de desenvolvemento (saber facer). Pero, ademais, desenvolve a capacidade de aprender a aprender.

• Está baseada en valores totalmente alineados coa sostibilidade.

• Desenvolve o pensamento crítico, afronta dilemas e capacita para buscar solucións aos problemas.

• Está orientada á acción. A soa conciencia non produce cambios. Máis aló de sensibilizar, a educación para a sostibilidade promove o compromiso.

• Asume a participación na toma de decisións, incluíndo as relativas á contorna e á forma de aprendizaxe.

• Adopta un enfoque interdisciplinar e holístico.

• Utiliza múltiples leitos e recursos didácticos (a palabra, as artes plásticas, a dramatización, os debates, as experiencias, etc.) para construír de forma conxunta o coñecemento, superando a simple transmisión de coñecementos.

• É significativa para quen aprende e tamén para a comunidade, integrando as experiencias didácticas na vida persoal e profesional.

• Considera tanto a escala local como a global cando enfoca os problemas do desenvolvemento.

Ademais da definición máis oficial, extraída da publicación Educación para la sostenibilidad. Joseba Martínez Huerta. Ingurugela – Centro de Educación e Investigación Didáctico Ambiental, queremos deixarvos este video pois consideramos que pon imaxe e cor ao que entendemos por Educación para a sostibilidade. É unha recompilación dalgúns dos momentazos vividos no campamento de verán 2022.

Novidades nas hortas do programa Agroecoloxía Na Escola

Hoxe imos presentarvos o programa Agroecoloxía na Escola e como foi xestándose ao longo do tempo.

No ano 2019 iniciamos a construción da horta na EEI As Dunas de Panxón en mans de Diana Muñoz Somoza (actual socia de SomosTerra) e colaboradores externos para que os máis pequenos da parroquia nigranesa de Panxón puideran aprender a plantar e cultivar os seus propios alimentos. Para conseguilo, comezamos facendo obradoiros presenciais trimestrais durante o curso 19/20. Nestes obradoiros a cativada aprendeu sobre plantación, pero, tamén, sobre xestión de residuos, plantas aromáticas e mediciñais, biodiversidade… e moitos aspectos máis relacionados coa sostibilidade e a Axenda 2030.

Para acompañar estas actividades presenciais e coa axuda do profesorado do centro, enviamos todos os meses un caderno de campo con actividades sinxelas para que o alumnado poida levar a cabo sen a nosa supervisión. Así pasaron os meses, e, mentres o alumnado plantaba e colleitaba, Diana supervisaba e coidaba a horta durante todos os meses do ano, para que nas vacacións non quedara a nosa leiriña abandonada.

Horta na Escola de Educación Infantil As Dunas

Co inicio do novo curso 2020/21, continuamos co Programa  na EEI As Dunas e o alumnado do CEIP Mallón de Nigrán  uníuse ao Programa. En decembro do 2020 fixemos o primer obradoiro presencial con eles para que a cativada entendera a importancia de ter unha horta no cole. Durante as vacacións de nadal, SomosTerra estivo construíndo a horta das Rás (nome escollido por votación do alumnado). Durante os seguintes meses comezamos a plantar e coidar da horta mediante 7 obradoiros presenciais máis (un ao mes). Para que a nosa hortiña non quedase abandonada durante os meses sen cole, estivemos plantando durante o campamento de verán que coordinamos no mesmo centro. 

Coa fin do verán e o inicio do curso escolar 21/22 continuamos co programa Agroecoloxía na Escola na EEI As Dunas e no CEIP de Mallón, no que en novembro rematamos a renovación e reconstrución da horta das Rás, agora con novos bancais de madeira reciclada.

Horta no CEIP Mallón

Traballando nas melloras dos bancais de cultivo.

Ademais, co inicio do curso uniuse outro dos centros educativos de Nigrán, o CEIP Humberto Juanes, onde iniciamos a remodelación e restauración dos bancais do invernadoiro e construimos unha pequena horta exterior e un xardín vertical en setembro deste mesmo ano. Durante este curso escolar estaremos realizando obradoiros presenciais mensuais con todos os cursos do centro educativo e enviándolles o caderno de campo para que continúen co coidado na horta co noso apoio durante todo o ano. 

Horta no CEIP Humberto Juanes
Traducir »
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad