Volve o Mes da Natureza na súa terceira edición, un proxecto que idearon Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra xunto ao Concello para divulgar o patrimonio natural de Nigrán. Esta nova edición volve con 17 actividades gratuítas para pequenos e maiores co obxectivo de encher de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio.

As actividades comezarán este martes día 4 cunha xincana sobre o Kiko para familias ás 11 na horta urbana de Ramallosa.
Feira da natureza de Nigrán
Este ano volve a Feira da Natureza de Nigrán. Celebrárase o sábado 22 de marzo de 11.00 a 14.00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e está organizada para que artistas, artesáns e emprendedoras do municipio poidan mostrar o seu traballo en 12 expositores.
As persoas interesadas en participar poderán incribirse neste formulario de contacto.
A asignación de prazas será por orde de inscrición. Durante a feira tamén se organizarán sobre o escenario charlas e obradoiros.
Ruta teatralizada no Parque Forestal dos Matos Río Táboas e nas Mendoñas en Priegue
Volven as rutas teatralizadas, un dos grandes éxitos das edicións anteriores, pero con novas ideas e novos lugares, xa que a idea de Teatro e SomosTerra é de chegar aos máximos lugares de Nigrán posibles. A primeira será o domingo 16 de marzo ás 11.00 horas no Parque Forestal dos Matos Río Táboas. Estará centrada en lendas e haberá un pequeno xogo de orientación e adiviñanzas. As prazas son limitadas e o formulario de inscrición xa está aberto.
A seguinte será o sábado 29 de marzo ás 11.30 horas en Priegue. Esta estará baseada en lendas e personaxes populares de Nigrán. As inscricións xa se poden facer no seguinte formulario. As prazas tamén son limitadas.
Concurso de vídeo e teatro no auditorio
O domingo 16 de marzo ás 19.00 horas será a entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán”, un concurso de vídeo e fotografía onde se difunde a natureza do concello con 1.300 euros en premios destinados a incentivar as compras de proximidade no comercio local. O ano pasado pasado participaron máis de cincuenta persoas en 35 vídeos, cifras que se esperan superar este ano. A inscrición aínda está aberta para participar e tamén para os comercios locais que se queiran apuntar.
O domingo 31 de marzo ás 19.00 horas Teatro do Ar representará un espectáculo de teatro no Auditorio Municipal.
Obradoiros nos colexios e nas hortas municipais
O mes da Natureza tamén chegará aos colexios e institutos públicos de Nigrán. Os alumnos de sexto de primaria e 1º da ESO recibirán un obradoiro de educación ambiental e teatral totalmente gratuito. Ademais, o domingo 9 haberá un obradoiro para a cativada e o domingo 23 na horta do parque Vázquez Grela ás 11.30 h haberá unha xincana para todos os públicos. A primeira estará baseada no Entroido e a segunda no traballo na horta. Tamén se contactará con distintas agrupacións que traballan con colectivos en risco de exclusión para que as súas persoas usuarias participen.