fbpx

Volve a segunda edición do Mes da Natureza, un proxecto que idearon Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra xunto ao Concello para imaxinar como será Nigrán no futuro. Esta nova edición volve con 17 actividades gratuítas para pequenos e maiores para encher de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio.

 As actividades comezarán este sábado no Auditorio Municipal ás 11.00 horas cun xogo de aventuras para os máis pequenos e pequenas. A xornada iniciará con pintacaras para que se metan na historia dun xogo  no que os nenos e nenas deberán atopar a galiña desaparecida dunha veciña de Nigrán nunha viaxe na que irán coñecendo outros animais en perigo de extinción de Galicia.

Feira da natureza de Nigrán 

Unha das principais novidades desta edición é a feira da natureza de Nigrán. Celebrárase o sábado 9 de marzo de 11.00 a 14.00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e está organizada para que artistas, artesáns e emprendedoras do municipio poidan mostrar o seu traballo en 12 expositores. As persoas interesadas en participar poderán incribirse neste formulario de contacto. A asignación de prazas será por orde de inscrición. Durante a feira tamén se organizarán sobre o escenario charlas e obradoiros. 

Ruta teatralizada e busca do tesouro por Parada e Monteferro

Volven as rutas teatralizadas, un dos grandes éxitos do ano pasado, pero con novas ideas e novos lugares. A primeira será o domingo 17 de marzo ás 10.00 horas no Monte Castelo de Parada en dúas quendas. Estará centrada en personaxes mitolóxicos galegos e as persoas que asistan poderán casar nunha voda celta. As prazas son limitadas e o formulario de inscrición xa está aberto

A seguinte será o sábado 30 de marzo ás 11.00 horas en Monteferro. Está consistirá nunha busca do tesouro e estará centrada en atopar e conseguir as sete herbas de San Xoán. O grupo que remate antes esta busca recibirá un premio. As inscricións xa se poden facer no seguinte formulario. As prazas tamén son limitadas. 

Concurso de vídeo e estrea de “Seca”

O domingo 24 de marzo ás 19.00 horas será a entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán”, un concurso de vídeo onde se difunde a natureza do concello con máis de 1.000 euros en premios destinados a incentivar as compras de proximidade no comercio local. O ano pasado pasado participaron máis de cincuenta persoas en 26 vídeos, cifras que se esperan superar este ano.  Aínda estas a tempo! Preme para máis información.

O domingo 31 de marzo ás 19.00 horas Teatro do Ar estreará a súa nova obra “Seca” no Auditorio Municipal, unha comedia coa que reflexionar a importancia do coidado da nosa natureza para evitar que o noso rural e as nosas tradicións desaparezan. 

Obradoiros nos colexios e nas hortas municipais

O mes da Natureza tamén chegará aos colexios e institutos públicos de Nigrán. Os alumnos de sexto de primaria e 1º da ESO recibirán un obradoiro de educación ambiental e teatral totalmente gratuito. Logo, o martes 5 na horta municipal da Ramallosa e o martes 12 na horta do parque Vázquez Grela ás 17.00 h haberá unha clase aberta de teatro para todas as persoas que desexen. Tamén se contactará con distintas agrupacións que traballan con colectivos en risco de exclusión para que as súas persoas usuarias participen. 

O xoves 14 na horta de Ramallosa e o xoves 21 na de Nigrán tamén haberá obradoiros de traballo na terra totalmente gratuitos para as persoas que o desexen. 

Documento informativo

Traducir »
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad