fbpx

Horta urbana en Nigrán!

Como sabedes, a sede principal da cooperativa está en Nigrán, onde levamos a cabo a maior parte das nosas actividades. Este último ano, o programa educativo Agroecoloxía na Escola está sendo o noso programa estrela. A raíz do interés por parte das familias, colaboramos co concello de Nigrán para facer realidade un soño compartido: a primeira horta urbana de Nigrán.

Esta horta está ubicada no teito verde do aparcamento da Ramallosa. Comezaremos coas actividades o vindeiro sábado 23 de abril onde xa están dispostos 13 bancais inspirados na xeometría das colmeas de abeellas. Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do formulario online ou presencialmente no aparcamento municipal da Ramallosa. O prazo para participar estará sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumprir as pautas de funcionamento.


A principal característica desta horta é que será un espazo adicado á formación e a colaboración entre as persoas usuarias, é dicir, as persoas participantes realizaremos os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a posteriori a colleita de maneira equitativa entre os participantes. Para iso, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, estableceremos un calendario de tarefas que todas as persoas deberán seguir e, en caso de acudir a facelo, deberán sinalalo nun taboleiro situado no propia horto co fin de estar todos coordinados. Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións idóneas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte das persoas inscritas.

De feito, todos os sábados de 12:00 a 13:30 horas impartiremos obradoiros gratuítos, comezando o día 23 de abril cunha sesión dedicada ás plantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortos verticais, plantas medicinais, control biolóxico de pragas, recollida de auga… A maiores, os mércores (de 17:00 a 18:30 horas) estarán as técnicas presentes na horta para resolver presencialmente dúbidas, asesorar e colaborar.

Queremos que este sexa un espazo de convivencia e de encontro entre a veciñanza, por iso promoveremos tamén o intercambio de sementes e a creación dun banco que recompile as variedades locais”. Deste xeito, esta zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transfórmase nun punto de encontro no que aprender, compartir, cultivar e desfrutar.

Que entendemos nós por consumo consciente?

Consumo Consciente

A palabra consumo ten como significado a acción e efecto de consumir ou gastar, e forma parte do comportamento de todos os seres vivos. Por exemplo, consumimos auga e alimentos cada día, consumimos constantemente para satisfacer as nosas necesidades vitais e tamén para satisfacer os nosos desexos. 

No caso das persoas, somos a especie máis consumidora de recursos como consecuencia do modelo económico actual, de crecemento “infinito” e de extractivismo desmensurado e desconsiderado. Este modelo de consumo levounos a desconectarnos do impacto que ten sobre a contorna, converténdonos nunha sociedade indiferente e/ou ignorante do dano que podemos chegar a facer ao planeta cada vez que realizamos unha compra.

Cal é a tendencia actual?

“As persoas consumidoras preocúpanse cada vez máis polo medio ambiente, según estudos”

https://www.efeverde.com/noticias/consumidores-preocupan-medioambiente-segun-estudios/

Hai esperanza. Cada vez somos máis as persoas comprometidas con reducir o noso impacto socioecolóxico facendo todo o posible por poñer en práctica o consumo consciente. Declarámonos como consumidoras conscientes, pois satisfacemos as nosas “necesidades” propias tendo en conta o impacto que supón sobre o planeta e as persoas. É dicir, cando poñemos en práctica o consumo consciente temos clarísimo que o noso consumo non vai a implicar a destrucción do medio que nos sostén nin vai a apoiar inxustizas sociais. Buscamos sempre as alternativas con menor impacto, ou incluso, aquelas opcións que teñen un impacto positivo. Alucina! Estas opcións existen! Aínda que é probable que ti xa o souberas 😉

O consumo consciente protexe a vida no planeta Terra

A #natureza estanos pedindo un cambio real. Non podemos continuar consumindo aquilo que lle causa dor á nosa terra e así como a tantas persoas. Defendemos que todo aquilo que provén da crueldade, xa sexa contra os animais, as persoas ou a natureza debe parar. E nós podemos e debemos deixar de consumir este tipo de produtos.

Tachán! Como #persoasconsumidoras temos un gran poder nas nosas mans: podemos decidir a quen dar os nosos cartos e a quen non darllos. Apoiamos o #comerciolocal e o #emprendementosostible. Eleximos produtos sans e #orgánicos, que xeren os mínimos refugallos posibles, que protexan a #biodiversidade, que empreguen materiais saudables e de #baixoimpacto, poñendo a vida no centro.

Que che parece? Ti como sintes o consumo consciente?

Traducir »
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad