fbpx

Introdución á compostaxe

Dende que a humanidade puxo en práctica a agricultura, os campesiños aseguraron a fertilidade dos seus campos facendo uso da materia orgánica producida polos animais e vexetais das súas propias granxas. Esta técnica estaba baseada no que ocorre na Natureza sen a axuda do ser humano, onde a materia orgánica de plantas e animais, mestúrase no chan, descomponse e aporta os seus nutrientes á terra da que se alimentan de novo as plantas.

Despois da II Guerra Mundial, esta práctica foi abandonada nos países máis enriquecidos, sendo substituída por fertilizantes químicos producidos a partir da enerxía derivada do petróleo. Resultou que toda esa materia orgánica que antes regresaba a nutrir a terra, comezou a quedarse inutilizada nos contedores das cidades, na maioría dos casos, mezclada con outros tipos de residuos como plásticos, imposibilitando o seu regreso á terra e incrementando o volume dos vertedoiros, ou mesmo xerando gases de efecto invernadoiro como consecuencia da súa incineración.

Parécevos lóxico? Eu penso que non, non hai ecoeficiencia nesta situación e por iso é tan importante promover os sistemas de compostaxe hoxe en día. Existen diferentes opcións, explicaremos 3 modelos:

Por unha banda, a compostaxe doméstica, que consiste en que cada persoa ou familia teña o seu composteiro de forma autoxestionada.

Outra opción, é a compostaxe comunitaria, que é un modelo especialmente atractivo para a realidade galega. Este modelo consiste en establecer “illas de compostaxe” que son utilizadas pola veciñanza e revisadas por mestres e mestras composteiros. Destaca como caso de éxito o modelo de Allariz, e tamén o modelo impulsado polo programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O terceiro modelo sería o modelo de planta de compostaxe.

→ Pero como funciona o proceso de compostaxe, como se fai?

O proceso de compostaxe consiste nunha técnica mediante a cal créanse as condicións necesarias para que, a partir de residuos orgánicos, os organismos descompoñedores fabriquen un abono de elevada calidade, coñecido como “compost”. 

Isto das condicións necesarias é sinxelo de explicar mediante unha metáfora. Cando queremos facer un biscoito, temos que ter uns ingredientes concretos, unha temperatura concreta no forno, un tempo de coción bastante definido, e demais factores. Pois para facer compost na casa ocorre o mesmo. 

En primeiro lugar, os ingredientes. Precisamos dous ingredientes principais:  material húmido e material seco. O material húmido serán por exemplo restos de fruta e verdura, bolsas de infusións (sen plásticos), posos de café, restos de plantas e cáscaras de ovo. O material seco será o material estruturante. Ten unha labor esencial no proceso: ademais de aportar carbono, tamén facilitan a aireación dentro da composteira. Recordemos que a compostaxe ten lugar en condicións aeróbicas, é dicir, con dispoñibilidade de osíxeno. Se non hai aireación na mezcla, poden aparecer olores desagradables como consecuencia da descomposición anaeróbica dos materiais. Entón, importante engadir material seco como restos de poda, virutas de madeira, restos de follas secas, cachos de cartón, etc. 

.

→ Moita xente pensa que cheira mal, que é difícil de conseguir un compost de calidade. De que factores depende todo isto?

Depende de 3 factores principais:

Aireación: Xa dixemos que ten que estar aireado. Para iso, recoméndase voltear a pila de compost de vez en cando. 

Humidade: Na práctica do compostaxe recoméndase unha humidade entre o 40 e o 60%. Unha humidade elevada desprazaría ao osíxeno e, en consecuencia, o proceso pasaría a ser anaeróbico (ausencia de aire) ou, o que é o mesmo, unha putrefacción.E pola contra, se o material da pila está seco,  será necesario aportar auga, pois este factor é indispensable para os microorganismos, xa que a auga é o medio no que viven, desprázanse e aliméntanse. 

Temperatura:  O proceso de compostaxe consta de diferentes fases, e en cada fase inverveñen unha serie de microorganismos, cada un deles cun rango de temperatura diferente. Así distínguense tres fases: Fase de latencia e crecemento  (15 – 45º C), Fase termófila (45 – 70º C), Fase de maduración  (inferior aos 40º C).

Para completar o proceso da compostaxe e chegar a ter un compost maduro, o tempo necesario será aproximadamente entre cinco e seis meses.

Primeiras pinceladas sobre a Economía Circular

Onte participamos no Faladoiro Arredor da Economía Circular, organizado por Unión de Consumidores de Galicia e o concello de Santiago de Compostela. Estivemos con Manuel Vicente, de Efervesciencia, e cos cómicos Fran Rei e Pedro Brandariz. O Faladoiro foi gravado e pronto esperamos compartir con vós o enlace para visualizalo. Mentres tanto, queremos facer unha pequena introdución sobre o concepto de Economía Circular.

Xa escoitaches falar sobre Economía Circular?

Segundo información do Parlamento Europeo, en Europa xeramos cinco toneladas de residuos por persona ao ano. Imaxinades o impacto que isto supón? Pois ben, a economía circular basease na determinación de que eses “residuos” non son “lixo”, senon produtos ou materiais que poden ser reintroducidos nas cadeas de produción, poden reutilizarse, repararse ou reciclarse. Esa é a base da economía circular. O obxectivo é deixar atrás o modelo lineal que leva funcionando no mundo dende a revolución industrial. É hora de romper co modelo produtivo de  “extraer-producir-usar-tirar”. Debemos substituílo por unha economía circular que amplíe a vida útil dos produtos para reducir o uso de materias primas e a xeración de residuos. 

De feito, a economía circular xorde como resposta á escaseza de recursos naturais, á contaminación do planeta e ao cambio climático, buscando fontes de recursos e de enerxía para atender as necesidades das nosas xeracións sen comprometer as necesidades das xeracións venideiras. Neste sentido, a economía circular está moi presente nas axendas das empresas, que teñen a oportunidade de transformar o seu modelo de negocio hacia un modelo que teña impacto positivo nos treis eidos principais da sostiblidade: no social, ambiental e económico. Este último é o que pode chamar máis atención. Resulta que reducindo o impacto ambiental tamén podemos aumentar os beneficios económicos, grazas aos principios da economía circular. Cales son estos principios básicos?

1. Preservar e mellorar o capital natural

Este principio consiste na procura dunha utilización das materias primas cada vez máis eficiente. Cando achegar recursos naturais sexa necesario, débense seleccionar aqueles que empreguen recursos renovables ou que utilicen menores cantidades de produtos naturais. Unha economía circular mellora o capital natural creando condicións que, por exemplo, permitan a rexeneración do chan. Neste caso o exemplo estrela é a compostaxe dos residuos orgánicos, do que falaremos máis adiante.

2. Optimizar o uso dos recursos

O segundo principio baséase en buscar unha maior rotación dos produtos e os seus compoñentes, logrando un maior ciclo de utilización, e polo tanto, alogar seu ciclo de vida. Para iso é fundamental o ecodeseño, de tal maneira que o produto se poida crear, reparar e/ou reciclar dunha maneira eficiente. Esta idea de alongar o ciclo de vida é clave para poñer en práctica a economía circular dende casa. 

3. Fomentar a eficacia do sistema

Este terceiro principio alcánzase reducindo as externalidades dos procesos de utilización de recursos naturais (por exemplo, utilizando restos alimentarios, empregando menos ou mellor o territorio…), e buscando sinerxias entre os diferentes axentes que interveñen neste proceso.

→  Cando aflora a economía circular?

Que estabamos excedendo os límites do Planeta xa era cousa sabida ao longo do século pasado. Non hai máis que ler o famoso informe “Os límites do crecemento”, encargado en 1972 polo Club de Roma. Pero parece que ás veces é necesaria unha crise global para reaccionar, e esta produciuse en 2009. Desde entón, a idea da economía circular emerxe con forza como un novo paradigma fronte ás triplas crises: económica, ambiental e social.

Neste contexto, era e é necesario aproveitar doutro xeito os recursos, e esquecernos de desperdiciar o que xa empezabamos a non ter en abundancia. E era cuestión de todos, porque a transformación debía ser global. Empresas, gobernos, organismos internacionais e sociedade civil empezaron a alumar unha nova visión sobre o mundo, os seus recursos e, moi especialmente, a forma en que os usamos. Así xurdiu a primeira fundación para a economía circular: a Fundación Ellen MacArthur, creada no ano 2010 co obxectivo de acelerar a transición cara á economía circular. 

Aquí teño unha reflexión persoal que me provoca especial fascinación. Resulta que a miña avoa, xa dende nena, aló polos anos 40, practicaba a economía circular. Aínda non existía o concepto, pero o modelo circular estaba máis que instaurado nas aldeas galegas dende sempre. Por que? Porque é o lóxico aproveitar os recursos que temos. Porque é o lóxico respetar o territorio que che da de comer. Porque na autosuficiencia dos nosos ancestros atopamos todo ese ciclo de vida pechado, no que non existían os residuos!  Os restos orgánicos ían para o gando ou para abonar a terra, e todo todo se aproveitaba. Pero non temos que remontarnos séculos atrás. A xeración da miña nai, que naceu arredor dos anos 60, (imaxino que haberá representantes desta xeración entre o público) Recordades os envases retornables? Ou arreglar a roupa sempre en lugar de tirala? Ir o zapateiro tamén era e é un acto de rebeldía a favor da economía circular, rexeitando o modelo de usar e tirar. E, sen dúbida, para min o exemplo máis evidente de economía circular é a compostaxe. Falaremos diso na próxima entrada!

Traducir »
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad