Axenda 2030

O 25 de setembro de 2015, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.

A Axenda propón 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) con 169 metas integrados e indivisibles que cobren os tres eixes da sostibilidade: o eixe económico, o social e o ambiental.

É  recoñecida como un plan de acción a favor das persoas, do planeta e da prosperidade, que tamén pretende reforzar a paz universal e o acceso á xustiza.

Implica un chamamento á acción global durante os vindeiros 15 anos (dende o 2015 ao 2030).  Ao adoptala, os Estados comprometéronse a mobilizar os medios necesarios para a súa aplicación.

Implica un compromiso común, voluntario e universal no que cada país enfronta retos específicos na busca dun Desenvolvemento Sostible. Cada un deles establecerá os seus propios obxectivos nacionais, vinculados aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Cal é a finalidade dos ODS?

Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible  entraron en vigor oficialmente o 1 de xaneiro de 2016. Con estes obxectivos universalmente declarados, os países intensificarán os seus esforzos para acabar coa pobreza en todas as súas formas, reducir a desigualdade e loitar contra o cambio climático, garantindo, ao mesmo tempo, que ninguén se deixe atrás.

Os 17 ODS inclúen, entre outras cousas, a erradicación da fame e a seguridade alimentaria; garantir unha vida sa e unha educación de calidade; lograr a igualdade de xénero; garantir o acceso á auga e á enerxía; promover un crecemento económico sostible; adoptar medidas urxentes contra o cambio climático; promover a paz e facilitar o acceso á xustiza.

Os ODS como oportunidade de cambio

Os ODS elaboráronse durante máis de dous anos de consultas públicas, a interacción coa sociedade civil e as negociacións entre países . Aínda que os ODS non son xuridicamente vinculantes, espérase que os gobernos os adopten como propios e establezan marcos nacionais para alcanzar as metas propostas.  Os países teñen a responsabilidade primordial de supervisar e revisar os avances realizados no cumprimento dos ODS, para o que será necesario recoller datos de calidade, accesibles e oportunos.